Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Ordes recibe unha axuda IDAE por importe de 179.017,56 € para a III fase do programa de aforro enerxético no alumeado público


Estímase unha redución de gasto no alumeado público por máis de 32.912 euros anuais, unha vez se complete a substitución das mais de 400 luminarias previstas en cambiar a LED.

O Concello de Ordes acaba de recibir a subvención do IDEA por importe de 179.017,56 euros para licitar a terceira fase da actuación de aforro enerxético no alumeado público de varias vías públicas do municipio. O investimento para esa actuación englóbase no marco do Programa Operativo FEDER para o crecemento sostible 2014-2020, e conta cun orzamento total no proxecto de 222.174,76 euros. Estímase que tras esta actuación producirase unha redución de gasto de máis de 32.912 euros anuais e dun consumo enerxético de 218.196 kWh.

Algúns destes puntos presentan un estado deteriorado e contan con equipos obsoletos que fan moi recomendable a súa renovación co obxectivo de reducir o gasto enerxético. Todo isto mediante a utilización de tecnoloxías máis eficientes, a redución da potencia instalada, o axuste dos horarios de encendido e a implantación de sistemas de regularización de consumo segundo o horario. Tamén se pretenden minorar os gastos de mantemento mediante o aumento da vida útil das luminarias, a mellora das condicións de confort visual mediante o axuste de parámetros de iluminación a cada tipo de vial, así como coa adecuación das instalacións ao regulamento vixente.

As instalacións a reformar previstas nesta terceira fase do proxecto caracterízanse polo emprego de luminarias obsoletas cun rendemento baixo, a utilización de lámpadas de vapor de mercurio e polo deterioro marcado polo paso do tempo.

Cada centro no que se intervirá inclúe a substitución de luminarias existentes por outras tipo LED, así como os brazos que eleven a posición da fonte de luz. Tamén a renovación dos centros de mando actuais, a eliminación doutros e a conexión de liñas existentes a cadros a renovar. Unha vez reformadas todas as instalacións terán unha cualificación enerxética tipo A, cumprindo ademais co disposto no Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión.

Entre os lugares nos que se levarán a cabo os traballos figuran: núcleos de Adina e A Brea (Ardemil), Castrelos e Igrexa (Leira), aldeas de Pereiriñas, Igrexa, O Pazo, Agromaior, Xermiñas e Couto (Lesta), núcleos de Fraga da Galiña, Darefe, Vidueiro, Valado, Casal e Reboredo (Ordes), aldea da Albariña (Montaos), así como as rúas Lagartos e O Recreo (Ordes), e a derradeira fase no polígono empresarial de Merelle.